Saturday 27 de April de 2024

O Concello abre a convocatoria de axudas á rehabilitación e reforma de inmobles en diferentes puntos da cidade


Estas subvencións de diferentes Áreas de Rexeneración e Renovación Urbanas (ARRU) contarán cun importe total de 1,3 millóns

O Concello da Coruña abrirá esta próxima semana a convocatoria de axudas destinadas a financiar a rehabilitación ou reforma de inmobles na Cidade Vella, Pescaría, Labañou e O Ventorrillo. Estas zonas están incluídas en Áreas de Rexeneración e Renovación Urbanas (ARRU).

O importe total das axudas será de 1.338.350 euros. Como novidades, nas axudas de Labañou e O Ventorrillo primaranse as melloras dos edificios cun maior número de vivendas e habitantes, mentres que nas da Cidade Vella daráselles prioridade ás reformas en inmobles catalogados. Do orzamento total, 529.612 euros irán destinados ao Ventorrillo, 571.290 euros a Labañou (grupo de vivendas María Pita) e 237.447 euros para Pescaría e Cidade Vella.

O Goberno de Inés Rey incrementará o importe subvencionable por unidade familiar, que anteriormente era dun máximo de 12.000 euros. A partir de agora haberá un límite de 22.000 euros, que podería chegar ata os 30.000 euros, segundo o caso.

Unha vez publicada no BOP a apertura da convocatoria, as persoas interesadas terán dous meses de prazo para presentar as solicitudes. Tamén se poderán requirir anticipos de ata o 50% do importe concedido.

O concelleiro Juan Díaz Villoslada reuniuse este venres con persoas interesadas en solicitar estas axudas da zona da Cidade Vella para asesoralas sobre o procedemento e os requisitos. Esta próxima semana haberá novos encontros coa veciñanza do Ventorrillo (o mércores ás 17.00 horas no Centro Ágora) e de Labañou (o xoves ás 11.00 horas no centro cívico).